a galiña polo que vale

martes, julio 11, 2006

Festival do Mundo Celta 2006

Non vou facer aquí unha crítica musical ao Festival Internacional do Mundo Celta (si, do MUNDO CELTA, que non se lle esqueza a ninguén), se non aos derroteiros que está a tomar dende o ano pasado aproximadamente.
Musicalmente si que podo dicir que a fusión non é mala per se, pero o sábado veuse en Ortigueira unha mala fusión. Un experimento que penso que non gustou á xente, que non foi quen de conectar coa xente que estaba a presenciar o espectáculo. Sinto que o Sr. Limón sexa un gurú da producción musical, pero creo que foi un dos días máis esquecibles dos últimos anos de festival.

De feito, o que se puido facer foi cambiar o concerto de fusion polo de Gwendal e Berrogüetto. ¿Por que o mellor do festival se pon o domingo que é o que case que ninguén pode ver por ter que marchar para traballar ao outro día? Creo que é unha estratexia equivocada; podería usarse o domingo para os experimentos de fusión e o sábado que sexa o "día grande" cos mellores grupos... non vexo eu que as televisións garden os seus mellores programas para as tardes do domingo, póñennos no prime-time dos mércores ou xoves inda que puideran ter certo efecto de arrastre da audiencia, o que buscan e maximizar a audiencia no mellor momento, por que en Ortigueira se fai ao revés?

Por outra banda, parabens para a idea dos concertos íntimos no Teatro de Beneficencia. Unha verdadeira perla de bon gusto que ten que ter continuidade. O que me perdín foron os concertos de Runas, por que os levaron para tan lonxe? estorbaban na praza de Santa Isabel, diante do concello?

Pero xa digo que prefiro concretar a miña crítica en algo do que nos queren vender dende hai un tempo: o cambio de estilo do festival.

Non vou entrar no espantoso mercantilismo dos patrocinadores como Estrella Galicia (Caixa Galicia puxo 120.000 euros e non se lle notou tanto), que aproveitan as facilidades para facer crer que o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (por que lle quitaron toda a parte central e o deixaron en Festival de Ortigueira?) é un dos seus concertos "Son Estrella". Patrocinar un evento non implica (ou non debería implicar) apropiarse del, se non apoialo unindo a súa marca, o que xa supón réditos suficentes sen que pareza que o organizou.

E por último, por que se está a perder o espíritu da música que fixo importante este Festival? Se foi o primeiro grande festival de música celta, prácticamente o único que había en España, e de certo o que sobreviviu de todos os que saíron despois; se a xente segue a vir con pinta de hippy, etc. por que este empeño e querermos parecer a Benicassim, Monegros, etc. ??

Se es o primeiro en algo, ou mellor, se tes a tua propia categoría creada na mente dos "consumidores"... ¡non te movas! evoluciona se queres, pero non te movas e segue a ser o primeiro. Das outras músicas xa hai 20 festivais con máis sona que o de Ortigueira, pero ninguén pode "atacar" a posición de Ortigueira como Festival de música celta (salvo Lorient, pero xa estamos a falar de palabras maiores... por certo, van flamencos a Lorient ou hip-hoperos? penso que non)

Ata outro Festival, e queda só un para os 30 anos do primeiro festival internacional do mundo celta de Ortigueira.